A versión oficial fala de tres parques e catro liñas de alta tensión que se tramitan de xeito independente (Solpor, Gasalla e Legre; LAT Abrente-Gasalla, LAT Legre, LAT Gasalla-Colectora Mesón e LAT Solpor) pero pola súa proximidade, proxección temporal, execución e funcionamento conxunto, entre outros factores, e porque os efectos nos afectan no seu conxunto, en realidade conforman un só macroparque en mans dunha soa empresa, Green Capital Power S.L, cuxo interese na nosa comarca é unicamente especulativo. Ademais, o macroparque Ordes-Curtis, conéctase co parque eólico Abrente, situado a 15km en Vilasantar, tramitado tamén polo mesmo promotor.
Fragmentando o proxecto en, polo menos, sete proxectos administrativos, óbviase a análise conxunta e global das consecuencias reais na zona e, deste xeito, os informes de impacto ambiental emitidos quedan desvirtuados. Os informes que analizan os efectos acumulativos e sinérxicos de proxectos independentes, xunto con outros proxectos que se atopan preto, non suplen o estudo global e detallado dos impactos dun macroparque no seu conxunto.
O macroparque ubícase dentro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e tamén no transcurso do Camiño Inglés polo seu paso pola comarca de Ordes. Parte do parque atravesará a ZEC Río Tabre que forma parte da Rede Natura 2000 coa consideración de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN).
O Plan Sectorial Eólico do 2007 recolle que a distancia mínima dos eólicos a respecto das casas debera ser de 500 metros. Esta norma está desfasada e non contempla os cambios técnicos dos aeroxeradores en altura (agora son case tres veces máis grandes!) e potencia dos últimos anos. Concretamente os tipo VESTAS V136, macroeólicos que se usaríanno Macroparque Ordes-Curtis, miden 200 metros de altura. Deste xeito, os 500 metros fanse claramente insufientes e os efectos negativos sobre as nosas aldeas son maiores.